05 agosto 2013

Mar Sánchez e Valentín García comprométense a traballar conxuntamente coa AMEGA



Quique Sanfiz, presidente da AMEGA, coo Secretario de Política Lingüística, Valentín García

A Asociación de Medios en Galego abordou a situación do sector en sendas xuntanzas coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Medios.


A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) comeza a dar pasos en firme para mellorar e regularizar a situación daqueles xornais, radios, televisións ou webs que apostan polo galego como vía de comunicación. Con este obxectivo varios membros deste colectivo entrevistaronse coa secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez, e co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Ambos os dous comprometeronse a traballar conxuntamente coa AMEGA para potenciar a situación dos medios en galego.

Tal e como xa fixo hai unhas semanas cos catro grupos parlamentarios e co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), a AMEGA expúxolles a ambos os dous cargos públicos as dificultades polas que atravesan os medios en galego. Por iso, esta organización propón establecer un marco de relacións entre institucións e medios que abranga 3 lexislaturas.Así mesmo, avanzou a súa intención de comezar a traballar consensuadamente na creación dunha Lei de Publicidade Institucional, unha vez que o actual Decreto rixe dende o ano 1999, cando a realidade mediática do país era singularmente diferente.

"En min tendes un aliado", destacou Valentín García. "Estou interesado en saber de vós dende que souben da vosa formación", suliñou ao tempo que mostrou toda a súa vontade por colaborar coa nova entidade. 
Valentín García con varios membros da AMEGA

A importancia do galego na rede

O secretario xeral de Política Lingüística destacou a importancia que o galego ten en Internet, onde xa está no posto 20 en uso, e comprometeuso a impulsar eidos de colaboración coa AMEGa en temas de relevancia do noso idioma.

Por outra banda, destacou a necesidade de ter claro o que son medios dixitais e blogs, é dicir, criterios de definición de medios de comunicación á hora de poñer en marcha distintas campaña. Unha cuestión que tamén suscitou a Secretaría Xeral de Medios, Mar Sánchez. Neste sentido, a AMEGA compartiu estes temores pero suliñou que esta cuestión xa se ten debatido no seo da asociación e que xa o ten claro nos seus estatutos. 

Lei de Publicidade Institucional

Tanto con García como con Sánchez, a AMEGA destacou a necesidade de poñer en marcha unha Lei de Publicidade Institucional. "Estamos traballando xa niso", sinalou varias veces a secretaria xeral de Medios. De feito, instou a esta asociación a que envíe as súas propostas e que inclúa so seus novos criterios de axudas.

A xuntanza entre a AMEGA e a Secretaría Xeral de Medios e de Política Lingüística foi moi cordial e as distintas entidades acordaron marcos de colaboración conxuntos.

AMEGA

Se ben a Asociación de Medios en Galego segue en proceso de crecemento, a día de hoxe está formada por 15 medios (A Nova Peneira, A Voz de Vilalba, Cadernos de Comunicación e Análise, Certo -- xornal do Barbanza, Compás da Costa -- revista dixital da Costa da Morte, Crónica 3 -- xornal dixital da Mariña Lucense, Galicia Confidencial, Novas da Galiza, Praza Pública, Quepasanacosta.com -- xornal dixital da Costa da Morte, Radiofusión -- rede de emisoras municipais galegas, Sermos Galiza, Tempos Novos, Terra Cha Xa e Valminor.info). Todos estes medios chegan a un público cercano ás 150.000 persoas, aínda que en momentos puntuais poden duplicar esas cifras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario